Entrevista a Borja Outeiral



Borja Outeiral (Boiro 1987) chega con puntualidade inglesa á nosa cita. Tras un saudo deses da nova normalidade e co seu sorriso habitual, senta enfronte de min. Hoxe entrevistamos ó Kaiser de Barraña. O noso primeiro capitán. Nin Messi, nin Salah; nin Cano, nin Caridad...


KB: Empezamos a modo para ir quecendo. ¿Sensacións para esta campaña?

BO: As sensacións son raras, aínda está todo moi no aire. Polo visto a liga pode comezar en Outubro, polo tanto xa vai a ser moi atípica polo tempo que imos a estar parados. En tódolos anos que levo xogando vai ser a primeira vez que estea sete ou oito meses sen competir. Fisicamente vas a estar ben, porque o míster xa nos ten a traballar en diversas áreas, pero falta esa sensación de balón esencial…

KB: ¿Outubro? ¿Nin tan sequera Setembro?

BO: O que é o inicio de Liga semella que será así, ou sexa que a pre tempada comezará aproximadamente a finais de Agosto. Así que eso de pisar o céspede e traballar en equipo cos compañeiros aínda terá que agardar un pouco.

KB: Entre a abundante rumoroloxía boirista escoitase que todos renovástedes moi á baixa, incluso en porcentaxes do 40 ou 50 por cento menos ¿É certo?

BO: (Non se mostra sorprendido pola pregunta nin a esquiva) Si. Evidentemente cando falei co presidente, xa de primeiras comenteille que polo tema económico non se preocupase. Son moi consciente da situación que atravesan os clubes nestes momentos, especialmente o noso. Os ingresos van a baixar considerablemente e temos que ter presentes moitos escenarios distintos. Un deles é que hai que ter a maior parte posible de xente de casa, pero sen esquecer que os que veñan doutros lugares deben sentirse coma iguais. Eu xoguei en moitos equipos de fora (división de honra de Compos e Celta, Estradense…) e sei o que é ter que viaxar. Hai que ter en conta á xente que ven de máis lonxe que nos; eles tamén teñen que recibir o mesmo que os demais e non perder cartos desplazándose, para iso os que somos de Boiro debemos facer un esforzo polo ben de todos.

KB: Ese é o xesto dun capitán…

BO: (Adopta un ton con certa melancolía) Pode que o fútbol xa non volte a ser o que era. Moi poucos poderán agora vivir desto. Eu teño o meu traballo, e penso que é algo lóxico ser coherente e tomar esta decisión. Por outra banda, así tamén podemos axudar para que o clube continúe na liña destes últimos anos de seguir liquidando a débeda. Estamos contentos de poder aportar tamén nese sentido.

KB: ¿Entón (perdoa que insista) son certas as porcentaxes que se comentan? Entendo que afectarán a toda a plantilla.

BO: Si, as nosas reducións aproxímanse ó 50%. Eu como capitán prefiro tomar esa decisión para que o clube poda falar cos demais e que saiban que aquí estamos todos nisto, eu o primeiro. Hai que ser realista, ¿onde vas a estar mellor que na túa casa, con este equipo, nun ano tan difícil? Por outra parte isto vai a ser moi beneficioso, por exemplo, para os equipos do entorno da Coruña coma o  Silva ou o Arteixo, onde abundan xogadores de clase contrastada... pero a nós tamén nos beneficia, porque aquí tamén hai moita calidade. Nese sentido creo que vai a haber equipos moi competitivos.

KB: Centrémonos en ti, ¿como te atopas fisicamente a estas alturas?

BO: Ben, moi ben. Incluso por todo o descanso que levamos acumulado pode que me atope mellor que nas últimas tempadas. Teño moi boas sensacións.

KB: Con 32 anos estás na idade axeitada para ser un central óptimo con experiencia.

BO: Si claro. Hai compañeiros que son maiores ca min e que fixeron unha boa tempada, algún incluso estivo a un nivel enorme. Certo é que inevitablemente perdes algo de físico, pero ganas en outras cousas igualmente valiosas como anticipación, colocación ou manter a cabeza algo máis fría (amosa un sorriso fedello).

KB: Vaiamos agora a aspectos máis emotivos. En todos estes anos sabemos que tivestes ofertas e ó final sempre quedas en Boiro ¿Por qué?

BO: A resposta fácil e dicir que porque son de aquí. Pero hai máis que eso, é unha ilusión que sempre tiven desde cativo. Iba a Barraña a ver ó meu primo Alberto (Pajarillo), a Changui, a Gomi que agora está de delegado... e flipábamos alí no campo. No Municipal sempre se viviu un fútbol que non era normal na comarca. Xa estábades vos, cando sentábades en presidencia (rí e enumera a algúns integrantes veteráns da peña), e chegado a un punto eu xa quería vir para aquí. O ano que me chamástedes vos (o ano en que membros das Krusadas nos unimos á Genucho e á directiva do Boiro para tentar que non desaparecese polas débedas) xa tiña unha ilusión brutal. Foi un ano marabilloso...

(Perdemos uns minutos lembrando con nostalxia aquela espectacular e difícil tempada 2008/09 en que ese equipo quedara 5 na clasificación con 4 meses sen cobrar. Ningún dos xogadores daquela escadra dirixida por Choto e Pimen, que chegaron a facer un fútbol de moitos quilates, reclamou nada ó clube, polo menos ata que nos o deixamos. Dende as Krusadas queremos facer este pequeno parón na entrevista e render tributo a toda aquela xente que axudou a que o Boiro non desaparecese: Pajarillo, Santi, Borja, Abel, Bolo, Bernardo, Luis T., Nichelo, Oscar, Anxo, Manuel Ángel, Nando, Walter, Alberto, Carlos B., Luis, Manu e seguro que nos esquecemos de alguén ó que lle pedimos mil perdóns... )


BO: (Continuando coa pregunta anterior) ...vaia, que é a ilusión que teño dende hai moito. Para min estes anos foron abraiantes. Primeiro con vos, e despois un ano seguinte estupendo. Despois, tras xogar varias tempadas no Estradense, onde gañei moita experiencia en terceira división, me fixo moitísima ilusión que me chamaran para voltar. Tras unha breve chamada telefónica importante para min, non o dubidei nin trinta segundos. E así ata hoxe.

KB: Pero ese camiño non foi sinxelo, houbo moita competencia nos últimos anos na posición de central...

BO: Si, é certo, e normalmente todos partían por diante de min, pero cando remata a competición, se ollas a miña lista de partidos, verás un mínimo de 27 ou 28 partidos por tempada.

KB: Tamén hai que dicir que vas un pouco dopado, porque a grada...

BO: (sorrí ampliamente) Totalmente dacordo. Algunha vez a oportunidade de xogar veu dende a presión da bancada e claro,ahí sales a morrer e vas collendo confianza e facendo bos partidos. Eu cada ano saía máis reforzado moralmente que o anterior. Cada inicio de campaña dicíanche “este ano vanche traer a este ou aquel e non vas xogar...”, pero eu sabía que tería as miñas opcións e había que aproveitalas...

KB: Hai xogadores que nos adestramentos van a tope pero despois vense no campo e a bancada  prodúcelles unha presión que non son quen de xestionar. Non é o teu caso.

BO: Non, a min ó contrario. As veces incluso de máis (risas...abundantes) De feito a veteranía axuda a calmar os ánimos un pouco. Eu entro no campo, escoito o ambiente e transfórmome...

KB: Veña, voltemos a falar un pouco do equipo deste ano. Temos unha plantilla que está a xerar moita ilusión, pero do medio campo cara arriba é moi nova. ¿Como analizas dende o punto de vista dun veterán a este equipo?
BO: Como ben dis, a zona de ataque é a máis nova con diferencia. Se hai un lugar onde a creatividade, a liberdade e o descaro son necesarios é esa. Porque despois é certo que hai posicións que, para conquerir obxectivos, a calma e a experiencia son indispensables para rendir ó longo dunha competición. Non podes cargar toda a responsabilidade de levar o peso dunha escadra en xogadores tan novos, porqué haberá algúns que podan soportala, pero outros moitos non serán quen de facelo. Son moi novos; non lle podes botar a bronca porque algo non funcione nun par de partidos, todo o contrario: estes xogadores son os que máis confianza deben ter, e nas posicións ofensivas é onde poden funcionar mellor (da un breve grolo no café con leite). Un erro a noventa metros da portería é máis correxible que un erro a corenta metros. Nese sentido eu estou tranquilo, os rapaces son todos de calidade contrastada e pintan moi ben.

KB: Diríase que temos todo o gol que nos faltou esta tempada...

BO: Seguro. De feito eu teño moitas esperanzas depositadas en Chiño. Se está ben e o respetan as lesións que o maltrataron o pasado curso, pode que estemos a falar da sensación deste ano. Baixo o meu punto de vista, se logra estar ó 100% pode ser o mellor dianteiro da categoría. E estou seguro de que ten moitas ganas de marcar en Barraña.

KB: É que ten que molar moito marcar en Barraña...

BO: ¡Esa é outra! Neste equipo non fichas só polo feito de xogar no Boiro: fichas tamén por poder xogar cada domingo en Barraña. Eso é outro handicap que terán que manexar os novos chavales. Haberá quen se emocione e saia a tragar a herba do campo ou quen ó principio lle impoña un pouquiño.

KB: Pero no Municipal non se come a ninguén, de feito é un campo con bastante paciencia cos seus xogadores.

BO: Eu sempre o comento: estiven xogando fora, e nalgúns campos tardan 15 minutos en comezar a pitarche no primeiro partido, aínda que sexas un rapaz. Eso aquí é moi raro que pase, pero sempre impón saber que no peor dos días de inverno vas a ter un mínimo de 200 ou 300 persoas na grada empurrando. Impón, pero eso tamén axuda a que acepten as ofertas do Boiro.

KB: Falando de ofertas...¿Tiveches ofertas este ano? Algo caería...

BO: Si, pero bueno, comigo xa non falan coma cinco ou seis anos atrás. Chaman por teléfono e preguntan como vai todo por aquí, se sigo contento. Xa non veñen a sentarse a presentarme proxectos...

KB: Saben que non marchas...

BO: (Encóllese de ombros cun novo sorriso) Evidentemente. Hai dous anos tiven unha das mellores ofertas da miña carreira, era verdadeiramente boa, non cobrei eso no Boiro nin en Segunda B. Se non marchei daquela xa...


KB: Xiremos de novo o timón. Tes no teu haber o gol máis icónico e documentado da historia do CD Boiro. Moitos vimos o vídeo mil veces e escoitamos a narración na radio galega duas mil máis. Temos a imaxe gravada a ferro na memoria pero, ¿como lembras ti aquel dous a cero no último alento fronte ó Caudal?

BO: (Colle aire e expulsao, a pregunta aínda hoxe semella arrastrar sensacións) Eu tamén o vin máis de mil veces. Lembro que despois de marcar, iba direito cara vos a festexar, pero de supeto vexo ó meu irmán, que é un tío sereno e cauto, comedido, saltando a valla poñéndose no medio para abrazarme e aquelo desbordouse. Imaxínate, ser de Boiro e que che pase iso. É unha emoción complicada de explicar, un enorme orgullo.

KB: E rematou por significar un ascenso.

BO: Correcto, aínda que se son sincero, onde creo que fixen un partidazo de verdade foi en Mieres. Para min foi o mellor encontro que fixen en defensa dende que estou no Boiro. Un asedio constante dos asturianos durante os noventa minutos. Rematei por pedirlle ó arbitro “por favor, para isto xa” porque estaba a punto dun ataque cardíaco.

KB: Damos por feito que este foi o teu mellor momento (asinte), ¿cal foi o peor?

BO: Hai outro momento estupendo que lembro: o debut en segunda B fronte o Valladolid, xoguei os noventa minutos e ademais dando unha asistencia de gol a Axel. O peor creo que foi hai dous ou tres anos. Sentíame perxudicado e desplazado fronte ós de fora. Eu partíame o peito adestramento tras adestramento, e tiña a impresión de que outros tiñan o posto asegurado, fixeran o que fixeran. O ambiente estaba xa moi turbio no clube, a verdade é que estiven a piques de marchar. E se son totalmente sincero, a nivel futbolístico estes dous últimos anos non estou satisfeito. Teño moitas ganas de saltar ó céspede este ano e atopar a miña mellor versión.

KB: Tema técnicos: ¿un adestrador que che marcase máis que os demais?

BO: ¡Uffff! É moi complicado dicir un nome, de moitos saquei moitas cousas. A nivel vestiario Lemos era moi bo, sabía ter contento incluso ós que non tiñan moitos minutos e iso non é fácil. A nivel adestrar Fredi, Alexis e Tizón eran unha auténtica pasada. Lembro moi boa relación con Juan Carlos de Andrés e tamén con Rubén López...

KB: Última pregunta, unha que seguro será fixa nestas entrevistas ¿un desexo?

BO: Seguir aquí, retirarme aquí e retornar a terceira. E xa de paso, que sigamos a mimar a os futbolistas daquí. A os que veñan de fora tamén, por suposto, pero hai que fomentar o noso fútbol.

Rematamos unha charla de máis de media hora sen decatarnos.
Foi un pracer falar cun home cristalino, que se parte a cara por este equipo. Vémonos no campo, capitán.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Entrevista a Crístian Pérez

Entrevista a Marcos Martínez