Entrevista a Marcos Martínez

 


Quedamos unha fría mañá de sábado nas instalacións de Vista Alegre. Afortunadamente, o sol fai a presenza necesaria para que esta charla discorra nunha temperatura onde, polo menos, as bocas non treman.

Non hai moito que Marcos Martinez (Madalena, 1971) colleu as rendas do clube trala dimisión de Changui, pero eu lembro perfectamente como lucía o brazalete de capitán defendendo a camiseta do Boiro no Municipal, e él asegura lembrar perfectamente como aqueles novísimos primeiros Krusadas batíamos nas chapas de publicidade trala meta do porteiro rival para desquicialo ou ben deixalo xordo. Non foron aqueles os nosos mellores momentos de fair play, as cousas como son.


Comezamos a charlar camiñando pola herba artificial. Vou directo, non hai tempo que perder:

KB: Fostes dos presidentes máis cautos con diferencia no que a comezar a tempada se refire, de feito a maioría de nós non contabamos con comezar ata agosto...


MM: Si, pero máis que nada por pura concienciación social. Era un contrasentido, nos momentos nos que estabamos, que esixiran comezar xa. Todos tiñamos moitos medos; mesmo os xogadores a nivel individual nos transmitían eses mesmos temores de comezar a competir. Se a iso lle engades a situación económica na que se pode meter o clube o escenario méteche moito respecto. Eu non quería ser un inconsciente e dicir que sí, cando realmente non tiñamos ben planificado o panorama e os riscos que implica.


KB: Xa vistes a que se liou co tema dos clubes insubmisos que, pola nosa parte, levan toda a razón e teñen o noso apoio. Non é de recibo descender a ninguén que decida poñer a saúde dos seus por riba da competición.


MM: Si claro, evidentemente. Eu entendo ós clubes que tomaron a decisión de non comezar, sexa na categoría que sexa. Apoio ós que tomaron esa decisión no grupo Sur e incluso creo que aínda non se pechou este capítulo de altas e baixas.


( Por sorte semella que, finalmente, a Federación decidirá anular a competición dende Primeira Autonómica cara abaixo.)


KB: Hai un xogador moi querido por nós, como é Dani Conde, que tomou a decisión de non competir pola súa grande responsabilidade no seu traballo con cativos. Como presidente e ex xogador ¿Crees que é seguro empezar a competir?


MM: Penso que aínda é imposible garantir a seguridade ó 100%. Por iso é evidente que a responsabilidade individual de cada un está por riba da competición, porque estamos a falar de moito máis que fútbol. Un contaxio pode levar consigo situacións persoais, laborais ou familiares moi importantes e calquera xogador que tome esta difícil decisión conta co respaldo do CD Boiro.


KB: Continuando coas repercusións do tema Covid, é case seguro que pasaremos por atrancos económicos este ano. ¿Temes que o traballo realizado na redución da débeda os anteriores anos quede tocado por mor desta situación?


MM: Sí. E aínda mais, creo que moita xente non ten claro o que vai a acontecer este ano. Neste 2021 temos dúas tempadas no mesmo exercicio, e dicir, imos a xogar en cinco ou seis meses unha tempada e en Agosto comezaremos outra, coas conseguintes cargas económicas. Eso significa que nun mesmo ano vaslle a pedir cartos ós patrocinadores dúas veces. Evidentemente haberá que negociar con eles para ver que formulas podemos empregar para que non lles supoña un esforzo excesivo. Sabemos que hai moitos patrocinadores que este ano pasaron momentos moi difíciles e vailles a ser case imposible colaborar co Boiro, pero non queremos perder a esa xente que nos axudou nos últimos tempos. Se este ano non poden poñer un anuncio no campo, quizais podan sacar un carné de socio protector. Que se acheguen a falar con nós con total confianza, sen problemas. (Cala un anaco, como tentando reconducir a pregunta, e continúa mudando o ton) Pero sí, dende logo que o tema económico vai a ser moi importante e determinante no discorrer da competición. ¿Quen vai ter vantaxe? Pois, en certa medida, os que teñan o respaldo económico dos soci@s, patrocinadores e anunciantes probablemente vaian un paso por diante, aínda que nunca se sabe...


KB: Falando d@s soci@s ¿Como levamos o tema da inscrición? ¿Moitas altas?


MM: Aínda estamos a empezar. Como é natural, o que pedimos é que a xente que decida seguir apoiando o proxecto do C.D. Boiro se asocie canto antes. Xa non so é cuestión de poder asistir ou non ó fútbol; tamén é cuestión de renovar o compromiso co clube. Naturalmente haberá moita xente que agarde a colaborar ou non por se non vai a haber partidos. Eu pediría que por riba desa cuestión capital, houbera tamén certa responsabilidade, porque @s soci@s somos donos do clube a tódolos efectos. Se non nos involucramos pagando o carné, as dificultades que podemos pasar serán enormes porque non temos xeito de xerar recursos propios.


KB: Temos entendido que a limitación de aforo para este ano é moi grande debido ás medidas de seguridade. Iso vai a ser un handicap temible.


MM: E tanto, pero polo momento manexamos dous escenarios: O primeiro é que continuemos co nivel máximo de restricións, co cal non se podería meter público nas instalacións deportivas ata novo aviso.

O segundo é que melloremos e podamos asistir ó campo. Efectivamente, como ben dis, imos a estar moi limitados no aforo (arredor de 350 persoas) polo cal, como é lóxico, a preferencia na asistencia ós partidos será en exclusiva, dos que se fagan socios e socias do clube.


KB: ¿ E tedes xa a lista de prezos para os carnés desta tempada?


MM: ( Sorrí levemente, a pregunta xa lle tardaba) Estivemos dándolle moitas voltas, a necesidade de cartos é moi grande, pero tamén é certo que o socio do Boiro leva moito tempo remando. Por mor desta situación rebaixamos os prezos nos carnés. Nos gustaría que a redución fose aínda maior, pero ata aquí é onde podemos chegar neste escenario. Aínda temos grandes dúbidas en dous temas: Os rapaces e o día do clube.


KB: O tema do día do clube sempre trae cola...


MM: Sí, e iso que é algo tradicional en todas partes. O que pasa é que sen calendario neste novo xeito de competición todo vai a depender de cando sexan os derbis, polo tanto neste tema debemos agardar a ver que pasa.


KB: ¿E co tema dos rapaces que acontece?


MM: Esto é moi complicado tamén. Como sabes os menores de 15 anos en Barraña non pagan entrada. Por desgraza este ano non pode ser así, estamos tan limitados no aforo que cada sitio do Municipal é moi necesario, polo tanto aínda que será moi pouco, este ano debemos sacrificar esta política, innegociable ata hoxe, polo ben do Boiro. Cando o teñamos decidido pásovos os prezos.


(Ó día seguinte chegounos esta táboa de prezos para esta tempada)


Socio: 60 euros

Peña: 55 euros

Matrimonio: 100 euros

Socio protector: 150 euros

Socio Juvenil (De 15 a 17 anos): 25 euros

Socio Infantil (Menor de 14 anos): 20 euros




KB: Cambiemos un pouco de tema que está a quedar a entrevista un chisco triste (sorrí con certo aire de melancolía). Coa baixa de Dani, Paco e Suso (unha lembranza a Gelucho, pola miña parte, pérdese entre os pinos de Vista Alegre ata chegar ó camposanto) a defensa queda tocada...


MM: Si, está claro que con respecto ao ano pasado ímolo a notar. Agora está nas mans de Cristian a posibilidade de adaptar a outros xogadores a estas posicións. Pero tamén é certo que o plantel aínda non está pechado. Estamos a traballar en procurar traer un lateral zurdo, un central e un medio centro...


KB: Escoitouse polas rúas que dende as marchas destes xogadores caeu unha catarata de ofrecementos para xogar no Municipal.


MM: É certo, pero hai moitos problemas para coller futbolistas, especialmente no plano económico de ahí (insiste) a gran necesidade de sponsors. Algúns gustaron, pero non chegamos a esa ficha. Outros non nos encheron o ollo, e con outros estamos a negociar o mellor que podemos. Por sorte, xogar en Barraña é un acicate para moitos. Se foramos outro clube con menos paixón na bancada estariamos aínda con máis dificultades. De tódolos xeitos a nosa filosofía continúa a ser primar a confianza na xente da casa e da contorna. Ese foi o noso compromiso e non pode ser doutro xeito.


KB: Bueno, coido que ata aquí chegamos. Grazas por recibirnos con tanta rapidez.


MM: Non se merecen. Sen a implicación de xente coma vos sería practicamente imposible sacar isto adiante. Por iso o Boiro é o clube que é. Agardemos que por moito tempo.


KB: Nin o dubides.



Doulle as grazas de novo cando chocamos cóbados. Namentres abandono Vista Alegre saudando a algún dos xogadores, ollo como Marcos volta a meterse de cheo no adestramento. O tempo dirá como será a súa xestión, pero que este home leva o Boiro metido no sangue é indiscutible.





Comentarios

Entradas populares de este blog

Entrevista a Crístian Pérez

Entrevista a Borja Outeiral